Esta fin de semana 30-31 de outubro celebrouse o Castañazo rock en Chantada, coincidindo coa coñecida celebración do Halloween ou Samaín. Eu creo que foi máis compricado conseguir as entradas que toda a viaxe. Tivemos que ir ata Café Meigo-Alemaña en Chantada a por elas porque na Coruña xa se esgotaran.
Saímos ás cinco da casa eu mais os meus pais, para chegar aló pasamos dúas horas no coche; había que chegar pola autoestrada ata Santiago, despois ir ata Lalín e tirar para a esquerda, seguindo rectos chegamos a Chantada. Ese día, sábado, actuaban: Banda bassotti, que non me gustou moito porque cantaban cunha voz demasiado bruta; Boikot, tampouco me gustou, cantaban moi mal; Ruxe-ruxe, que xa me gustou un pouco máis; e Alén, tamén me gustou algo máis que o resto, pero aínda así parecíame de novo moi bruta a voz. Non sei por que, pero parece que cantan a berros.
O domingo estiveron: Obrint pas, foi dos poucos que me gustou algo máis; Fé de ratas, non digo que non aia xente á que lle gusten, pero a min non; Dakidarria, uf! foi dos que menos me gustou pola mesma razón que os primeiros; Guezos, bueno, polo menos a música era un pouco mellor, tiñan máis ritmo; e Cé orquestra pantasma, dos peores, o peor!
Perdoade polas opinións, pero non podo dicir que me gustaron cando non. Non sei como o meu pai puido engaiolarme para vir aquí. Está visto que non hai coma a Panorama.
O que máis me gustou foi a celebración do magosto coas castañas, enchinme delas.
Dos xogos, o que máis me gustou foi o de movemento de marcos, foi moi entretido e divertido, pero gañáronme.
Pola noite fomos durmir ao pavillón de deportes, pero como non chegamos a tempo e xa estaban todos os sitios collidos tivemos que ir buscar un hotel a última hora.