13/10/10

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas...


A queimada é unha bebida alcohólica que ten unhas propiedades máxicas capaces de quitar os meigallos e todo aquilo que nos poida causar algún mal. Estes poderes que ten a queimada proveñen dos espíritus dos nosos ancestros. Utilizábase como brebaxe para espantar ás meigas, pero chegou a ter tal popularidade que acabou formando parte da cultura galega e sendo utilizado como reclamo en moitas festas patronais galegas, nas que o utilizan como espectáculo.

Para preparala precísase: augardente, azucre branco e fino, cortezas de limón e grans de café. Aínda que isto pode variar moito segundo gustos.

Cando teñas os ingredintes xa poderás comezar recitando o conxuro á vez que botando o augardente e o azucre nun pote de barro, na porcentaxe de 120 gramos por litro. Despois engade as cortezas de limón e os grans de café. Remóveo. Cun cazo colle un poco desa brebaxe e péndelle lume, logo deixa coidadosamente que prenda lume no pote e reméxeo ata que o azucre se derreta por completo. Agora, no mesmo cazo xa seco, bóta un pouco de azucre e colócao sobre a queimada, convertíndoo así en almíbar, que se volve verter sobre as chamas. E por último, seguimos removendo ata que as chamas teñan unha cor azulada.  

CONXURO:
Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.
Demos, trasnos e diaños, espíritos das nevoadas veigas.
Corvos, pintigas e meigas, feitizos das manciñeiras.
Pobres cañotas furadas, fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas, mal de ollo, negros meigallos, cheiro dos mortos, tronos e raios.
Oubeo do can, pregon da morte, fouciño do sátiro e pé do coello.
Pecadora lingua da mala muller casada cun home vello.
Averno de Satán e Belcebú, lume dos cadáveres ardentes, corpos mutilados dos indecentes, peidos dos infernales cus, muxido da mar embravecida.
Barriga inútil da muller solteira, falar dos gatos que andan á xaneira, guédella porca da cabra mal parida.
Con este fol levantarei, as chamas deste lume, que asemella ao do inferno, e fuxirán as bruxas, a cabalo das súas escobas, índose bañar na praia, das areas gordas.
Oíde, oíde! os ruxidos que dan as que non poden deixar de queimarse no augardente, quedando así purificadas.
E cando este brebaxe baixe polas nosas gorxas, quedaremos libres dos males da nosa alma, e de todo embruxamento.
Forzas do aire, terra, mar e lume, a vós fago esta chamada: si é verdade que tendes máis poder que a humana xente, eiquí e agora, facede cós espíritos dos amigos que están fóra, participen con nós, nesta queimada.