A película Crebinsky, creada recentemente, causou gran admiración nos cines. Trata dun pobo ruso, ós que chaman "os crebinsky", viven preto do mar, illados dos acontecementos bélicos que lles rodean, creando así o seu propio mundo de fantasía. Un día Muchka, a súa vaca, desaparece, e inician unha busca desesperada que os levará da costa cara ó interior. Sen saber onde van, rematan descubrindo de onde veñen.
Miguel García Martínez (Lira, 1964), máis coñecido como Miguel de Lira, é un dos seus protagonistas, que conseguíu o premio á mellor interpretación masculina na pasada edición dos Mestre Mateo polo seu papel en Crebinsky, película na que, ademais, é corresponsable do guión.
Crebinsky está a resultar un éxito nos cines galegos. Considera que a película axuda a que medre o audiovisual do país?
Hai un gran nivel nas nosas películas. Neste país faise cine moi variado xa dende vai tempo, películas moi diferentes entre si, que teñen personalidade propia. Hoxe estamos capacitados para facer cine en Galicia 100% galego, como o demostra o caso de Crebinsky xa que todos somos galegos.
Acadaremos con esta película o máximo nivel que pode acadar o noso cine?
Si. O audiovisual galego está nun momento de madurez. Aí están 18 comidas, Retornos, Mar libre ou Crebinsky. De feito, hai datos que demostran que a xente asiste aos cines e lles gusta a película.
Este bo momento que vive o audiovisual pode ser grazas ós apoios que recibe?
Si. Nós temos moi boa materia prima, pero isto hai que estimulalo sempre. Por exemplo, as liñas da Xunta que existían, reducíronse en máis dun 50% e, por outro lado, a Televisión de Galicia, que era a que impulsaba isto, está moi parada. Non se están a contratar series novas, hai unha especie de indefinición, non ten diñeiro para producións novas, repítense series antigas... É dicir, se se paran eses estímulos por parte da Xunta e da TVG, o audiovisual entrará en fase crítica.
Como valora o éxito comercial de Crebinsky?
É unha proba palpable de que o cine galego pode chegar a ser comercial, pese a que Crebinsky non está feito cos recursos cós do cine comercial. Crebinsky foi unha aposta que tiñamos moitas ganas de levar ao cine, e estamos a comprobar que está a superar incluso as nosas expectativas, é unha proba superada que dá certas expectativas para o futuro.
Ademais de actuar, é un dos responsables do guión. Cómo foi a experiencia de compatibilizar as dúas facetas?
Pódese dicir que foi unha escrita de guión estrana, diferente, ao ser a miña primeira vez e ao facela co director. O certo é que non tiñamos consciencia de ser guionistas, e comezamos a tomala cando nos deron o premio ao mellor guión no Festival de Málaga.
Se queredes ver máis, aquí vos deixo o vídeo de cando Crebinsky saíu en Land Rober. Ademais, tamén sae Panorama co seu Waka waka na festa de fans de Caldas neste vídeo.